Pedro Murias Rodríguez

— CAPÍTULO PILOTO —

Gustouche o Capítulo?

Queres enterarte das últimas novidades?

O único que debes facer e introducir o teu email e recibirás notificacións o correo coas novidades da Pegada do Indiano.

Sinopse

A pegada dos indianos narra a historia de Pedro Murias, “un devesán que fixo as Américas” pero que, como tantos outros, nunca esqueceu a terra que o viu nacer e que amou ata o punto de ceder o seu patrimonio para lograr o seu desenvolvemento futuro. Ao longo desta apaixonante reportaxe Gonzalo Vázquez Pozo percorre os lugares que Murias amou e nos que deixou a súa “pegada”, como a Escola Agrícola de Ribadeo, a “granxa escola” que aínda hoxe funciona como Centro de Capacitación Agrícola da Xunta, tal como explica Xosé López, profesor da mesma. Pero a visita a Ribadeo, berce por excelencia dos “indianos”, sérvelle a Vázquez Pozo para relatar outras historias que marcaron o devir da Galicia moderna, como a dos Moreno ou a de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, cuxa casa é hoxe o consistorio de Ribadeo no que Pedro Murias ocupa lugar preferente como “un dos maiores filántropos da historia recente”, tal como explica Begoña García, da Oficina de Turismo municipal.

Co profesor Lourenzo Fernández Prieto, Vázquez Pozo visita a casa natal de Murias; na vella escola de Rinlo, levantada grazas a Murias, escoita unha habanera interpretada polo Coro da Mariña e na praia das Catedrais recorda a infancia do “indiano” ata a súa partida á Habana desde o porto da Coruña para traballar na industria do tabaco, da que chegaría a formar parte como un dos grandes empresarios do sector, como explica a profesora Ana Cabana, autora do libro Pedro Murias. Tras pasar pola fábrica de tabaco da Coruña, ligada a un gran amigo de Murias, tamén galego e empresario do tabaco, Heraclio Farias, Gonzalo Vázquez Pozo regresa a Rinlo, ao cemiterio da Devesa onde, case medio século despois do seu pasamento, en 1950, foi soterrado Pedro Murias, un deses indianos que “lle devolveron a Galicia o que Galicia non lles dera”.

Pedro Murias Rodríguez

(A Devesa, Ribadeo, 1840). Un dos máis importantes representantes da industria do tabaco en Cuba, fabricaba habanos con vitola galega. Pegadas: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal “Pedro Murias” (Ribadeo).